4 de setembro de 2008

De suevos, salas, samanos, gasallas e gasalianes.

Abstract: about some Galician and Portuguese toponyms which I consider to be of Suebic origin, like Sa ‹ Sala, meaning ‘house’, Gasalla ‹ *Ga-salja ‘With-house’ = ‘Monastery’, the medieval word gasalian ‘companion’, and the semantically related monastery of Samos (Lugo) ‹ Samanos, derived from the Germanic adverb *samana ‘together’. The distribution of these places indicates not a Gothic, but a Suebic origin, while their linguistic features can’t discriminate among both peoples. In Italy similar toponyms, Sala ‘house’, are associated not with Ostrogoths, but with Longobards (also Suebi).

Galego e castelán comparten as verbas sala e salón, de orixe remoto xermánico, e inmediato francés ou occitano, co significado de ‘estancia, habitación principal dunha casa; room’. Mais na xeografía do noroeste da península achamos unha superabundancia de topónimos (Sa, Saa, Sas, Zas, Sá, Salas...) que se retraen a unha forma sala, documentada só como topónimo, e que perdeu o /l/ intervocálico cando este fenómeno se veu producir en galego-portugués, nos séculos X-XII. Este feito, xunto co antigo da sua documentación, amosa a antigüidade desta verba, previa a sua posterior reintroducción. Na seguinte mostra vai entre os parénteses o tombo ou colección diplomática e o ano do instrumento onde se recolle:

  • in territorio Valladares (...) villam quam dicunt Sala” (Celanova, 916)

  • uilla de Albiaster cum terras ruptas et inruptas uineis et pomiferis et uilla de Salas cum terras ruptas ei inruptas” (Portugaliae Monumenta Historica, PMH, 973)

  • villa que vocitant Sala subtus domo Sancte Marie” (Samos, 982)

  • alia villa de Salas” (Samos, 982)

  • In Dezone alias villas, id sunt villa que vocitant Sala” (Sobrado, 993)

  • villa iuxta amnis Armena nuncupata Sala de donna Eldonza” (Samos, 997)

  • Id sunt medietatem de Paratella ad integrum, et medietatem de Abolini, medielatem de Salas, uel uila de Sancto Martino” (PMH, Coimbra, 1018)

  • in ualle Presares, Teyxario, Mera, Maquis, Sancto Tyrso, Cerzedello, Sturedo, Ederosa, Sancto Martino, uilla Odorici, Negrelli, Ruderiz, Centum casas, uillar Raso, Guistrunir, Pardinas, Uillela, Sala, Randulfi” (Sobrado, 1037)

  • per terminos de Sala usque in terminos de Sancto Salvatore” (Samos, 1060)

  • villam meam propiam, quam nuncupant Sala, VIIª integra; et est ipsa villa in terra de Navia in loco predicto in Auseli” (Samos, 1085)

  • In Auselio in Sala media” (Samos, 1087)

  • villa Sala et ecclesia sancti Georgii in territorio Valongo” (Celanova, 1088)

  • villas II in Panton in Lemabus (...) que dicunt Sala et alia Palacio” (Samos, 1091)

  • in Sala ripa Minei” (Celanova, 1101)

  • et mando ibi mecum hereditatem meam de Sala et hereditatem meam de Fontano quantum mihi conuenit ex auo et de ganancia” (Toxos Outos, 1152)

  • per lomba que iacet inter Salas Donegas” (Lourenzá, s.d.)


A partires deste momento a perda do /l/ é notoria na documentación, que recolle formas xa actuais como Saa, Saavedra... Por outra banda, tamén coñecemos o mesmo elemento xermánico en nomes propios, algúns deles moi frecuentes na idade media e con sentida presenza na xeografía da Galiza e Portugal:


  • Salamirus: con documentación ao menos dende o ano 842 (Sobrado) e con variantes Sallamirus (Celanova, 938) e Salamarus (Celanova, 941). Deles derivan os numerosísimos topónimos Samil e similar, por perda de /l/ intervocálica e crase das vogais en hiato.

Saamil (26 hab.- Begonte, Lugo) ‹ “villa Salamiri” (Sobrado, 1019)

Samil (7 hab.- Muras, Lugo)

Samil (65 hab.- Vilalba, Lugo)

+Salamiri (extinto, en territorio Nallare, por Friol, Lugo: Sobrado, 959 e 966)

Samel (19 hab.- Curtis, A Coruña) ‹ “uilla que dicitur Salamiri” (Sobrado, 858)

Samil (19 hab.- Oza Dos Ríos, A Coruña)

Samil (12 hab.- Vilarmaior, A Coruña)

Samil (7 hab.- Toques, A Coruña)

Samil (13 hab.- Boimorto, A Coruña)

Samil (10 hab.- Arzúa, A Coruña)

Samil (6 hab.- O Pino, A Coruña)

Samil (89 hab.- Rois, A Coruña)

Samir (7 hab.- A Laracha, A Coruña)

Samil (195 hab.- Vigo, Pontevedra)

+Castro Salamiri (extinto, por Punxín, Ourense: Celanova, 1096).

Zaramil (30 hab.- Melide, A Coruña), de Salamiri, con /l/ › /r/, fenómeno común e frecuente en galego-portugés. O /r/ intervocálico é raro que se perda.

Samiro (7 hab.- Carballo-A Laracha, A Coruña), de Salamiro (acusativo)

Samar (30 hab.- Teo, A Coruña), de Salamari (xenitivo da forma Salamarus)


En Portugal:

Samel (Anadía, AV)

Samil (Bragança, BÇ)

Samil (Celorico de Basto, BR)

Samil (Penafiel, PO)


En Asturias:

Salamir (Cudillero), con preservación normal de /l/.


  • *Sallamundus: nome non documentado directamente, mais frecuente na toponimia en forma xenitiva. Pola preservación de /l/ dedúce-se que debía achar-se xeminado neste antropónimo, /l:/:

Santa María de Salamonde (223 hab.- San Amaro, Ourense) ‹ *Sallamundi

Salmonte (32 hab.- Arzúa, A Coruña), con enxordecemento de d en posición forte, un cambio fonético asociado as linguas alto-alemás, e crase da vogal pretónica.


En Portugal:

Salamonde (Ponte de Lima, VC)

Salamonde (Vieira do Minho, BR)


  • Salla: coñecemos este nome dun servo mencionado nun documento do Tombo A de Santiago, do ano 1022. Deste antropónimo deriva, tal vez, o seguinte nome de lugar:

Santa María de Vilaselán (413 hab.- Ribadeo, Lugo), de villa *Sellani (?)



Distribución da toponimia Samil ‹ (villa) Salamiri e Salamonde ‹ (villa) *Sallamundi.


~o~o~o~

Tanto o empréstemo francés sala/salón ‘cuarto principal’, como as viliñas e casais chamados Sá, como o elemento sala- dos antropónimos xa vistos, proveñen dun elemento proto-xermánico *sal- (‘casa; house’, ADW: s.u. *sala-), coñecido en todas as linguas xermánicas (GWB, s.u. *sala-):

*sala-, *salam, germ., st. N. (a): nhd. Haus, Halle, Saal; ne. house (N.), hall; RB.: got., ae., afries., as., ahd.;

gótico sal-jan (1) 9, sw. V. (1), herbergen, bleiben, unterkommen, Herberge finden;

anglo-saxón sal-or, N., Saal, Wohnung, Haus, Gebäude;

antigo alto-alemán sal (1), sali*, 6, st. N. (a), Saal, Haus, Vorsaal;

E tamén, dun masculino *saliz: antigo nórdico sal-r, st. M. st. M. (i), Gebäude, Saal;

Similar é a información que recolle Pokorny (IEW: 898):

*sel- (1) ‘morada; dwelling’:

Ahd. sal m. `Wohnung, Saal, Halle',
langob.
sala `Hof, Haus, Gebäude',
as.
seli m. `Wohnung, Saal, Tempel',
ags.
sæl n., salor n., `Halle, Palast', sele m. `Haus, Wohnung, Saal',
aisl.
salr m. `Saal, Zimmer, Haus', Pl. `Wohnung, Hof', sel (*salja-) `Sennhütte';
got.
saljan `einkehren, bleiben', saliþwōs Pl. `Einkehr, Herberge',
ahd.
salida, as. selitha, ags. seld `Wohnung';
abg.
selo `fundus, Dorf', selitva `Wohnung' (bildungsähnlich dem got. saliþwōs);
lit.
salà f. `Dorf'.

Tamén é produtivo en nórdico e inglés un tipo *saljam, co mesmo significado, susceptíbel de orixinar unha forma *sallja/*salla, con l xeminado, como a que temos no nome *Sallamundo. En gótico, pola súa banda, achamos o verbo saljan ‘hospedar-se’, e máis o substantivo saliþwa ‘hospedaxe’, mais non coñecemos directamente a verba *sala. Na Italia son frecuentes, non obstante, os topónimos Sala, asociados a estabelecementos dos suevos longobardos. De feito, cada sala (verba traducida por B. Migliorini en Storia de La Lingua Italiana, páx. 76, como “casa de campo con corte”) era tanto unha unidade de produción agraria e de fiscalización desta (véxa-se o artigo da Wikipedia http://it.wikipedia.org/wiki/Sala_(Longobardi)), coma a residencia señorial desta unidade. Esta mesma realidade parece ser compatíbel coa das salas da toponimia do noroeste ibérico, presentes sempre con aspecto romance, xunto a adxectivos latinos ou nomes xermánicos con declinación latina. É dicir, aparentemente o termo pasa da lingua (xermana) dos señores para a lingua dos traballadores. Esa é a miña impresión.

Vexamos agora a toponimia asociada, mais advirto previamente que en todos os caso estamos perante formacións romances, onde a forma xermánica e fixada na paisaxe por medio dunha lingua que é en esencia latina; aínda así, os topónimos formados por un apelativo máis un antropónimo en xenitivo son sospeitosos de ter aparecido por influxo xermano:


  • Singular ( ‹ Sala ‘casa; house)

Sa (95 hab.- As Pontes de García Rodríguez, A Coruña) ‹ Saa (Caaveiro, 1174-1199)

Sa (26 hab.- Santiso, A Coruña) ‹ “Saa de Intornados” (Sobrado, s.d.)

Sar (63 hab.- Boiro, A Coruña) ‹ Saa (Toxos Outos, 1140): /l/ › /r/.

Saa (20 hab.- Cedeira, A Coruña)

Sa (sd, Ortigueira, AC)

Sa (21+3 hab.- Agolada, Pontevedra)

Sa (102 hab.- Guarda, A, Pontevedra)

Saa (1296 hab.- Vigo, Pontevedra)

Saa (46 hab.- Rodeiro, Pontevedra)

Saa (30 hab.- Dozón, Pontevedra) ‹ Sala (Celanova, 993), en Santiago de Saa (251 hab.)

Saa (55 hab.- Salvaterra de Miño, Pontevedra)

Sa (47 hab.- Boborás, Ourense)

Sa (31 hab.- Leiro, Ourense)

Sa (12 hab.- Lobios, Ourense)

Sa (31 hab.- Padrenda, Ourense)

Sa (21 hab.- Cortegada, Ourense) ‹ Sala (Celanova, 1088)

Sa (5 hab.- Verea, Ourense)

Saa (37 hab.- Carballeda de Avia, Ourense)

Saa (19 hab.- O Carballiño, Ourense)

Saa (30 hab.- Cenlle, Ourense)

Saa (60 hab.- Paderne De Allariz, Ourense)

Saa (11 hab.- A Peroxa, Ourense)

Sa (sd, Nogueira de Ramuin, Ou)

Sa (31 hab.- Castro De Rei, Lugo)

Sa (3 hab.- Chantada, Lugo)

Sa (17 hab.- Foz, Lugo)

Sa (11 hab.- O Valadouro, Lugo)

Sa (34 hab.- Ribadeo, Lugo)

Sa (17 hab.- O Páramo, Lugo) ‹ Saa de Paramo (Samos, 1099), en Santiago de Sa (314 hab.)

Sa (63 hab.- A Pastoriza, Lugo)

Sa (35 hab.- Vilalba, Lugo)

Saa (s.d.- Begonte, Lugo), en Santa María de Saavedra.

Saa (29 hab.- Becerreá, Lugo) ‹ Sala (Samos, 1087)

Saa (19 hab.- Lugo, Lugo), en Santiago de Saa (200 hab.)

Saa (14 hab.- Guitiriz, Lugo)

Saa (66 hab.- Guitiriz, Lugo)

Saa (37 hab.- Láncara, Lugo) ‹ Sala (Samos, 982)

Saa (12 hab.- Outeiro De Rei, Lugo)

Saa (33 hab.- Palas De Rei, Lugo)

Saa (0 hab.- O Saviñao, O, Lugo)

Santa María de Saa (153 hab.- A Pobra do Brollón, Lugo)

+Saa (extinto, en Louseiro, Sarria, Lugo), en “nosso casal de Saa que he sub signo de San Matino de Loseyro” (Lugo XIV, 1381)

+Saa (extinto, en San Xoan de Pena, Lugo, Lugo), en “en Sayoane de Pena no casal de Saa” (Lugo XIV, 1306)

Saa (sd, Pantón, Lu) ‹ Sala (Samos, 1091)

Saa (sd, O Incio, Lu) ‹ Sala (Samos, 1060)

A Sara (6 hab.- O Valadouro, Lugo): /l/ › /r/.


  • Plural ( ‹ Salas ‘casas; houses)

Sas (92 hab.- Paderne, A Coruña)

Zas (107 hab.- Negreira, A Coruña), en San Mamede de Zas (107 hab.)

Zas (453 hab.- Zas, A Coruña), en Santo André de Zas (527 hab.), no concello de Zas (5780 hab.).

San Xiao de Zas de Rei (134 hab.- Melide, A Coruña) ‹ Saas de Rey (Lug. XIV, 1340) ‹ Sancto Iuliano de Salas Regis (Sobrado, 1225)

Sas (40 hab.- Coles, Ourense)

Sas (26 hab.- Sarreaus, Ourense)

Sas de Penelas (30 hab.- Castro Caldelas, Ourense), en San Fiz de Sas de Penelas (92 hab.)

Sas de Xunqueira (48 hab.- A Pobra de Trives, Ourense)

Sas do Monte (5 hab.- Montederramo, Ourense), en San Pedro de Sas do Monte (40 hab.)

Sas (10 hab.- Sober, Lugo)


  • Adxectivadas (mediante adxectivos latinos, ‹ Salas Dominicas ‘Casas do Señor; Lord’s Houses, ‹ Sala Vetera ‘Casa Vella; Old House’)

San Lourenzo de Sasdónigas (115 hab.- Mondoñedo, Lugo) ‹ Salas Donegas (Lourenzá, 1087), de Salas Dominicas, é dicir, Salas do Señor. O emprego do adxectivo dominico co valor de ‘do señor’ é antigo, e pouco frecuente (dos que ata nos chegaron varias Vila Dónega, Vila Dóniga, Vila Donga, Vilar Dongo, Quinta Dóniga, Monte Dónigo... En xeral todas elas unidades de produción agraria). Outro tanto podemos dicir dos seguintes, que veñen significar ‘Sala Vella’, xa que o adxectivo latino VETERUM é substituído na idade media por VETULUM › VECLU › vello.

Saavedra (52 hab.- Irixo, O, Ourense)

Santa María de Saavedra (459 hab.- Begonte, Lugo)

Xaravedra (13 hab.- Esgos, Ourense), con /l/ › /r/, e palatalización frecuente de /s/-.


  • Con posesor xermánico expresado en xenitivo latino (e orde de verbas latina, ‹ Sala Frumari, Sala Auizanis, Sala Gendi; ‘Casa de Frumario, Auza, Gendo; Frumar’s/Auza’s/Gendo’s House’)

Salouzáns (55 hab.- Estrada, A, Pontevedra) de Sala Auizanis (cf. Vilouzán, Ouzás, do antropónimo en xenitivo Avizanis, frecuente na idade media.)

Sarxende (41+3 hab.- Barreiros, Lugo) de Sala Gendi (Gendo coma o fillo do rey vándalo Geiserico).

Sanformar (1 hab.- Negueira De Muñiz, Lugo) de Sala Frumar (de Frumario, coma o régulo suevo do século V.) A conversión ocasional de /n/ en /l/, ou viceversa, tamén a temos no caso Conimbriga › Conimbria › Colimbria.


  • En Portugal (todos de Sala)

(Arcos de Valdevez, VC)

(Melgaço, VC)

(Monção, VC) ‹ “in territorio Valladares (...) villam quam dicunt Sala” (Celanova, 916)

(Ponte de Lima, VC)

(Valpaços, VR)

(Vila Nova de Famalição, BR)

(Barcelos, BR)

(Braga, BR)

(Guimarães, BR)

(Vila Verde, BR)

(Terras de Bouro, BR)

(Fafe, BR)

(Amarante, PO)

(Vila Nova de Gaia, PO)

(Felgueira, PO)

(Maia, PO)

(Paredes, PO)

(Santo Tirso, PO)

(Cinfães, VI)

(São Pedro do Sul, VI)

(Anadía, AV)

(Arouca, AV)

(Ol. De Azeméis, AV)

(St. María da Feira, AV)


  • En Asturias:

Samagán (Castropol), probabelmente de Sala *Magani ‘Sala de Magan’. Hai un lugar de nome Magán en Cuntis (Pontevedra), que ten o vivo aspecto de corresponderse cunha forma xenitiva dun antropónimo como Magga (ADN: 1067).

La Sala (Salas)

Sala (Castrillón)

Salas (concejo, parroquia e capital do mesmo)

Salas (Lena)

Sales (lugar e parroquia de Colunga)


  • En León:

Salas de la Ribera (Puente de Domingo Flórez) ‹ Salas (Samos, 982)

Salas de los Barrios (Ponferrada)

Salas (Crémenes)


  • No resto da península:

Os seguintes tal vez teñen a súa orixe na verba francesa sala (iso suxire ao menos o valencián Salafranca.) En todo caso, non podemos asegurar a antigüidade destes topónimos que non presentan riscos evolutivos.

Salas Bajas (Huesca)

Salas Altas (Huesca)

Salas-Contraviesa (Granada)

Salas de los Infantes (Burgos)

Salas de Bureba (Burgos)

Salafranca (Alicante)


~o~o~o~


Por outra banda, e relacionada coa anterior, áchase a verba xermánica gasalian, frecuente na documentación do occidente da península ibérica na alta idade media. A verba está formada ao engadir o prefixo ga- ‘con’ e o tema sal- ‘casa’. O seu significado, polo contexto do seu emprego e máis polos seus compoñentes, é ‘compañeiro’, ‘que convive’, ou que ‘co-habita’, sempre referido a outra persoa. Nas fontes do noroeste de península non galegas o seu significado é sempre o de ‘compañeiros de mosteiro’, e é notable que o americano C. J. Bishko considera as fundacións monásticas pactuais de Burgos e a Rioxa como de inspiración galega (véxa-se o primeiro capítulo de Spanish and Portugese Monastic History 600-1300). Nas fontes galegas a semántica desta verba é máis ampla. Eis algúns exemplos:

  1. Un testimonio antigo: “sca. Maria de Vilarino quam fecit Romanus cum suis gasalianis, et duas subditas de Piauela unam et aliam de Paleo” (Santiago, 830)

  2. Onde semella que gasalian = ‘monxe’: “euenit in porcione domni Sisnandi episcopi et de suos homines nominibus Adulfus abba et suos gasallianes” (PMH, 906)

  3. Aquí o significado da verba está moi perto de ‘compañeiro’: “battivimus vestro iuniore nomine Froila cum alios meos gasalianes nominibus Miros, Fagildo et Alifreda et pervenit ipse Froila de ipsa babtedura ad morte “ (Celanova, 940)

  4. E neste semella que se fai referencia a defunta esposa do testamentario: “in villa de Allonicos quantum ibi profiliamus una pariter cum nostra gasaliane dive memorie” (Celanova, 952)

O significado probable dos seguintes topónimos é, na miña opinión, *gasaliaMosteiro; monastery = ‘Fogar Compartido; Shared House’. Non se preserva o emprego deste termo *gasalia, na documentación medieval, senón é a traveso do seu derivado gasalian, xa visto.

Gasalla (8 hab.- Frades, A Coruña)

Gasalla (25 hab.- Pastoriza, A, Lugo)

Gasalla (s.d.- Valeira, Lugo)


Afastado dos termos derivados de *sal- ‘casa; house, temos outro topónimo galego de orixe última xermánica, aínda que latinizado e incorporado ao romance (coma son todos os casos anteriores, salvo tal vez estes últimos, Gasalla):

Samos (1897 hab., concello na provincia de Lugo, e afamado e antiquísimo mosteiro) ‹ Samanos (termo abondosamente recollido no propio tombo de Samos, dende o ano 785; a pérda do /n/ intervocálico é a norma, e da-se nos séculos X-XII), que é unha latinización do adverbio xermánico *samanaxuntos, conxuntamente, en común; toguether’ (GWB, s.u. *samana). O significado de Samos é, daquela, ‘Os congregados’, un nome moi apropiado para un mosteiro que xa existía en época xermánica.

No seguinte mapa dispon-se os anteriores topónimos, sinalando cunha estrela negra os derivados do xermánico sala, cunha máis grosa os dous municipios de Zas e Salas, na Galiza e Asturias, respectivamente. Cun floco verde sinálan-se os derivados dun xermánico *gasalia. Samos márca-se cunha estrela azul. Pode verse un acumulo entre Braga, Porto e Tui, con extensión ao norte e máis ao sul. Logo, dende Tui, temos unha fortísima extensión polo val do Miño, cara a Ourense, Lugo e a costa norte da Galiza. É dicir, temos de Porto a Lugo e Bretoña un continuo, precisamente nas zonas onde sabemos positivamente que houbo asentamento suevo (polo cronista Hidacio, por exemplo, Pars Gothici exercitus a Sunierico et Nepotiano comitibus ad Gallaeciam directa Suevos apud Lucum depraedantur habitantes, “A parte do exército dos godos dirixido a Galicia polos condes Sunierico e Nepotiano depreda aos suevos que habitan por Lugo”; e na intruducción alto-medieval á Divisio Theodimiri: ut ad ipsum locum Lucensen grandis semper erat conventio suevorum “que nese lugar de Lugo sempre houbera grande reunión de suevos”). A liña do límite do reino suevo ven sinalada polos territorios recollidos na Divisio Theodimiri ou Parochiale Suevorum, e en cor vermella veñen marcadas as sés episcopais do reino, que de norte a sul era Bretoña, Lugo, Iria, Astorga, Ourense, Tui, Braga, Dume, Porto (Magneto), Lamego, Viseu, Coimbra e Idanha. A área azulada correspónde-se aproximadamente coa extensión da provincia romana de Gallaecia para o ano 400, que foi ocupada nun primeiro momento por Vándalos e Suevos.


Sala toponyms, and extension of the Suebic (German) kingdom of Galicia by 570 A.D. The area enclosed by the magenta line is ~100.000 Km^2. The blue area represents the roman province of Galicia at the beginning of the V century, when it was settled by Vandals at the east and center -later they crossed to Africa-, and Suevi in the parts that lie in the ‘western extreme by the Ocean sea’ (Gallaeciam Wandali occupant et Suevi sitam in extremitate Oceani maris occidua, Hydatius). 


~o~o~o~

Como punto final, unha reflexión. Os estudosos alemáns Piel e Kremer consideraban esta toponimia como goda, producida nunha ‘marcha ao oeste’ que, por outra banda, non deixou mostra arqueolóxica nin documental nun século ben documentado grazas aos Concilios Toledanos, entre outras moitas fontes. Expoño os meus reparos a tal asociación:

  1. Esta toponimia está de feito centrada no espazo do reino suevo, sendo practicamente descoñecida fora deste, e estando totalmente ausente dos lugares de colonización goda coñecida ou sospeitada, como Toledo, Zaragoza, Mérida, Barcelona, e as terras do centro da península.

  2. A verba sala está presente en moitos dialectos xermánicos, porén non ser coñecida directamente na lingua gótica, que si presenta formas relacionadas. Daquela, non hai motivo lingüístico para os considerar ‘godos’ mellor que ‘suevos’ (véxase o GWB, s.u. *sala)..

  3. A verba, e a toponimia derivada dela, tamén se da en Italia, asociada aos Longobardos (suevos, segundo xa nos transmitían Estrabón, Tácito e Ptolomeu), e non aos ostrogodos.

  4. Non hai rastro documental de ningunha invasión do espazo suevo polos visigodos logo da conquista do reino no 585. En verbas de J. C. Bishko: “in the century since Leovigild's conquest of the Suevic kingdom in 585 there had been no perceptible Visigothic migration to the northwest” (Spanish and Portugese Monastic History 600-130: 22), onde perceptible significa que ningunha fonte afirma, ou ainda suxire, esta inmigración. Ao contrario, no II Concilio de Toledo, pouco despois da conquista, o rei Recaredo gabába-se de ter convertido ao catolicismo a un número infindo de suevos, xunto co seu propio pobo godo: “Nec enim sola Gothorum conversio ad cumulum nostrae mercedis accessit, quin immo et Suevorum gentis infinita multitudo.” As mesma actas son confirmadas por bispos que xa coñeciamos dos concilios suevos (Nitigisio de Lugo), e por outros cuxos nomes (Pantardo, Neufila, Commundus... que amosan enxordecemento de oclusivas), ou antigüidade no cargo (Neufila, probabelmente Pantardo se era sucesor de San Martín), suxiren seren de etnia sueva. E aínda son confirmadas as actas por outros que sendo arrianos e novos no posto, son con seguridade suevos, segundo se desprende das mesmas actas, ou da crónica do godo Xoán de Biclaro, que falan da conversión dos suevos, do arrianismo a que foran arrastrados por outros, ao catolicismo. Portanto, os godos non terían destruído a igrexa católica sueva, nin deposto os seus bispos, mais terían restabelecido unha igrexa arriana, e sueva, xunto a esta. Foron estes arrianos os que tornaron ao catolicismo no ano 589. Esta é a lectura dos feitos que asume E.A. Thomson na súa historia dos godos (Los Godos en España, páx. 106 e 115). Xa longo, no século VII, non aparece na Galecia ningún candidato ao trono godo, contra o que acontece en todas as outras provincias... o que indica que non había unha poboación goda importante que puidese levar a un godo ao trono. E pola linguaxe das fontes, a terra dos suevos segue a ser un país con peculiaridades con respecto ao resto do reino. Por exemplo, o escándalo que a tonsura de algúns lectores galegos provoca aos bispos toledanos no IV de Toledo:
    XLI Omnes clerici vel lectores sicut levitae et sacerdotes detonso superius toto capite, inferius solam circuli coronam relinquant, non sicut hucusque in Galliciae partibus facere lectores videntur, qui prolixis ut laici comis in solo capitis apice modicum circulum tondunt, ritus enim iste in Spaniis hucusque hereticorum fuit. Unde oportet, ut pro amputando ab ecclesiis scandalo hoc signum dedecoris auferatur et una sit tonsura vel habitus sicut totius Spaniae est usus. Qui autem hoc non custodierit, fidei catholicae reus erit.” Ou a necesidade, na lei militar do rei Vamba, de indicar que afectaba a todas as provincias de España, Galia e Galicia (Forum Iudicum, IX, II, VIII) manténdose unha distinción que non acho compatíbel cun asalto e suplantación dos elementos autóctonos suevos por outros godos na Galecia.
    Por outra banda, a documentación do século VII é abondosa, e a proposta dun fenómeno de migración a grande escala, á marxe das fontes, e presumindo o silencio destas, debe sosterse en outra evidencias, sen recaer en argumentacións circulares.

  5. A toponimia de posesor do noroeste, xa presente no parroquial suevo (Villa Gomedei, Rodomiro), é compatíbel coa antroponimia sueva, e de feito topónimos orixinados por nomes que xa coñecemos dos reis suevos, son frecuentes na xeografía galega (e portuguesa). A xeito de exemplo:
    Hermerico (rei de 419-441): 5 Esmoriz, 5 Esmorís, 2 Armariz, Almaríz, Esmeriz, O Esmorique.
    Requila (rei de 438-448): 7 Requián, 2 Receá, Requiá, Requiás, Riquián
    Recemundo (rei de 459-465): 3 Racamonde, 2 Recemonde, Rasamonde, Razamonde, Recemunde, Ricamonde, Risamonde.
    Ariamiro (rei de 558-569?): 6 Arxemil, O Arxomil.
    Teodemiro (rei de 569?-570): 4 Toimil, 4 Tuimil, O Toumilo.
    Miro (rei de 570-583): 8 Mirón, 3 Mirós, 2 Casdemiro, Vilarmirón, Vilamirón, Domirón, Fontemirón, Calsomiro, Casaldomiro, Postemirón, Valdemirós, Vilardemilo, Meroi, Mirou.
    Eburico (rei de 583-584): Besteburiz, Buriz.
    Malarico (aspirante a rei no 585): 5 Mariz, Maariz, Meriz, Vilamariz, Castromarigo.
    É innecesario a introdución dun elemento godo, especialmente cando esta toponimia concentrase desntro dos límites do reino suevo.

  6. É boa ciencia dende Ockham o feito de non introducir hipóteses superfluas e innecesarias, entia non sunt multiplicanda praeter necessitatem. A introdución dun factor ‘inmigración goda’, non demostrado independentemente, para explicar unha toponimia de todo allea aos territorios godos, é superfluo por inmotivado, e debe ser desbotado salvo proba a favor. O económico, xeograficamente irrebatíbel, e lingüisticamente preferíbel, é propor unha orixe sueva destes topónimos. Os suevos xa estaban na Galiza, Portugal, León e Asturias, como sabemos por Hidacio e pola Divisio Theodemiri (entre outras fontes), e os topónimos sala son tamén coñecidos entre os Longobardos.


Con todo, hoxe non sabemos cal é a relación da lingua de suevos e godos, xentes que xa achamos asociadas e vivindo en veciñanza para o primeiro século da nosa era. Así, segundo Tácito (Annales, II, 63), os guerreiros godones do suevo marcomanno Catualda teríanse estabelecido entre os suevos cuados a instancias de Roma. Paréceme importante citar un curso de lingua goda da Universidade de Texas en Austin (http://www.utexas.edu/cola/centers/lrc/eieol/gotol-0-X.html):

Therefore a different proposal arises (Kortlandt, 2000), namely that the Gutones moved south early, toward Italy and the Roman Empire, until they came to the Danube. There they adopted the speech of Alemannic tribes that had previously migrated to the region from the west, and whose speech would already be colored by Roman contact. They were prevented from entering Roman territory, and joined forces with other Germanic tribes in Lower Austria. This mingling of the Gutones with other Germanic tribes in the region resulted in the Gothic ethnogenesis.(...) Thus there may have been a protracted period of close contact between the Goths and Romans well before Wulifila's translation, and the Celtic loans need not have come from Lugians in the north, but possibly from the Bastarni (if they were in fact Celts) in the Balkans. Certain words adopted from Latin into Gothic also show devoicing characteristic of Alemannic dialects, which suggests that the Goths may have been in close proximity to southern Germanic dialects for an extended period. It seems that the linguistic picture of Gothic origins is as heterogeneous as that derived from the literary and archaeological remains.” E recomendábel a lectura detida do resto do capítulo e do curso. Polo demais, similar a esta é a visión que nos da San Isidoro na súa historia dos godos: “Aera CCXCIV. Anno imperii Valeriani et Gallieni primo, Gothi, descensis montibus Alpibus, quibus inhabitabant, Graeciam, Macedoniam, Pontum, Asiam atque Illyricum vastaverunt”.

Ou de outro xeito, non sabemos a adscrición correcta da lingua dos godos con respecto a outras falas xermánicas, pero parece ter máis relacións coas linguas do sul da Alemaña que coas nórdicas, presentando numerosos préstamos latinos e celtas (algúns tomados de linguas que amosan enxordecemento de oclusivas, fenómeno propio das falas alemánicas - do sul).

En conclusión, o coñecemento e comprensión do material xermánico da Galiza e Portugal, primeiramente suevo, mais tamén godo, non é hoxe un tema fechado, mais un tema aberto e pendente na nosa lista de TO-DO.

4 comentarios:

  1. Moi bo e documentado post.
    Pero creo que se poderían incluír algúns datos máis:
    -Samaniegos, en Cantabria. O apelido tan común Samaniego non sei que procedencia ha ter...
    -Zamáns, parroquia de Vigo e que é un caso recente de ultracorrección do seseo, polo que estamos diante dun Samáns, derivado dun hipotético *SAMÁNOS, con acentuación distinta do SÁMANOS que deu Samos (o cal me parece difícil de explicar, a non ser que sexa como SENÁRA que deu Senra / SÉNARA que deu Seara; ou ISÍDORUS que deu Isidro / ISIDÓRUS que deu Isidoro).....
    -Tamén supoño que se pode incluír no grupo de SALA a parroquia de ZOÓ, pertiño de Samos, que aparece no Tumbo de Samos como ZALONE, e cunha evolución similar á da veciña GOÓ, pero desde logo nada regular.

    ResponderEliminar
  2. Ola, Palmira F. Agradecido polas túas palabras. O certo é que des'que botei fóra o post algo máis teño atopado sobre esta toponimia, así que tés toda a razón con que é mellorábel.

    De principio, o dicionario galego de Eladio Rodríguez recolle tamén a verba “Gasalle. Aparceria de Ganado.”, que penso debe ser errata por gasalla, palabra da que temos os lugares de A Gasalla en Baleira, Gasalla en Frades, Gasalla en Pastoriza, e máis os terreos das Cortiñas de Gasalla (Bretoña, Pastoriña), O Prado de Gasalla en Ribadeo, O Zarrallo de Gasalla en Riotorto e O Gasallo nas Somozas. O Du Cange recolle a entrada gasalia como voz occitana, co mesmo contigo semántico que a galega (e segundo Eladio Rodríguez): pacto de ter animais en mancomún.

    Sobre Zamáns, guaue!, interesantísimo. Hai en Ames un Gasamáns que parece compartir o mesmo problema da tonicidade da palabra (ga- é partícula que nas linguas xermánicas corresponde e é cognata do latín co-/com-). Poida que teñamos un dobre *sámano / *samán, sámanos / *samanes, como garda / gardián, gardas / gardiáns? Sobre Senra: Sénara > Sẽãra > Seara ou Sẽẽra > Senra? (como ganado > gããdo > gado / gando, con desnasalización ou con rexeneración dunha nasal en posición implosiva?) Sobre Samaniego e Samaniegos, efectivamente hai en Cantabria o lugar de Samano, do que deben derivar os anteriores (Pas – Pasiego, Liébana – Lebaniego). Disque era o antigo Portus Amanus... O_o.

    Moi interesante o dado de Zoó ter derivado de Zalone :-) Non o coñecía. Sobre o grupo das Sás, si se pode ampliar agora cunha boa chea de lugares non habitados, grazas ao Proxecto Toponimia de Galiza. Algo teño xuntado...

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Bom dia.
    Sobre "Gasamans", cuidado porque o temos documentado como "Petrus Conde de Gamazanes" no Tombo de Tojos Outos, em documento de 1215.
    Saúdos!

    ResponderEliminar
  4. Graças, meu! O que demonstra, umha máis vez, que -quando possível- é indispensável fazer sempre um estudo a fundo da história dum topónimo quando o estudamos.

    (Cagho no ghas coa metátese... :-/

    ResponderEliminar

Deixe o seu comentario: